Cultura, memoria e Territorio
Memoria activa
- Ano
2020
- Clienta
Concello de Bergondo
Memoria activa é un programa do Concello de Bergondo enmarcado nas actividades de envellecemento activo. Trátase dun obradoiro de estimulación cognitiva a partir da memoria colectiva e o patrimonio inmaterial, dirixido a persoas maiores. A través de sesións semanais nas diferentes parroquias do municipio, facemos diferentes dinámicas para activar as lembranzas da historia da parroquia. Co material recollido xeramos diferentes formatos de devolución social, cos que manter vivo o diálogo interxeracional no territorio.
Seis cafés
- Ano
2020
- Clienta
Concello de Bergondo
Seis cafés é un proxecto de intervención sociocomunitaria e etnografía feminista desenvolvido para o Concello de Bergondo entre setembro e novembro de 2020. Nel, exploramos o tema dos coidados a través de entrevistas a veciñas maiores do municipio, visibilizando a relación histórica das mulleres co mundo reprodutivo, denunciando a inxusta carga que puido supoñer nalgúns momentos da súa existencia e aprendendo de todos os saberes invisibles que atesouran.
Estas entrevistas, así coma as metodoloxías e conclusións do encontro virtual Coidatopías, compoñen a publicación de Seis cafés. Levamos a cabo a coordinación do proxecto, o deseño, e a súa execución.
Ferrol coas Irmandades da Fala
- Ano
2020
- Clienta
Concello de Bergondo
O roteiro Ferrol coas Irmandades da Fala ten como obxectivo dignificar a memoria da cidade e salientar a súa grande achega á cultura galega, difundindo o fenómeno cultural e político das Irmandades da Fala. Un paseo para pensar a cidade desde lugares, fitos e persoas que marcaron o seu devir no primeiro terzo do século XX.