Quen somos
Rexenerando é unha cooperativa sen ánimo de lucro que traballa no ámbito social. Fundada en 2014 no Golfo Ártabro e formada por un equipo multidisciplinar de mulleres, desenvolvemos proxectos para a xustiza social en tres eixos:
Facilitación de grupos e participación social:
Formamos e acompañamos organizacións, entidades e colectivos para construír espazos inclusivos e efectivos.
Igualdade de xénero e diversidade LGBTIQ+:
Promovemos proxectos de sensibilización e acción para a igualdade e a diversidade.
Cultura, memoria e lingua:
Recuperamos e valorizamos a nosa historia e cultura, traballando coa memoria colectiva e a lingua como ferramentas de transformación. Ofrecemos unha ampla variedade de servizos, que inclúen o acompañamento a organizacións e grupos, a realización de formacións e obradoiros para diferentes públicos, e o deseño de iniciativas e materiais orientados á sensibilización.
O noso equipo
Rexenerando está integrado por un equipo de socias e colaboradoras que comparten un mesmo obxectivo: desenvolver proxectos de calidade comprometidos coa diversidade e sustentados en conexións auténticas e coidadas.
Andrea Rico
Educadora social e pedagoga, convencida do poder transformador da educación. Teño experiencia en proxectos de intervención socioeducativa en ámbitos como a igualdade, a educación ambiental e a formación de persoas adultas. Apaixóname traballar con grupos, acompañándoos na creación de vidas máis xustas e sostibles. Formada en facilitación e xestión de grupos, son membro do Instituto de Facilitación e Cambio (IIFAC-E) desde 2018 e coordino a área de Facilitación de grupos e participación social en Rexenerando.
Olga Romasanta
Historiadora da arte e pandeireteira, apaixóame a memoria colectiva e o vínculo co territorio. Formada en Servizos Culturais, Educación e Museos, creo na forza do común e na creación colaborativa. Nos últimos anos, especialiceime en Xestión e Facilitación de Grupos e en facilitación gráfica. Teño experiencia en proxectos educativos con infancia e adolescencia e en procesos participativos vinculados ao territorio e urbanismo. Son socia de Rexenerando e coordino a Área de Cultura, Memoria e Territorio.
Martín V. Añel
Sociólogo en constante proceso de (de)construción, grazas aos activismos LGBTIQ. Cunha traxectoria de máis de 10 anos, teño experiencia en investigación social e coordinación de proxectos en igualdade de xénero, diversidade e participación cidadá, tanto no sector privado como no asesoramento a administracións públicas. Aposto por poñer a vulnerabilidade no centro e sigo formándome en facilitación de grupos e mediación. Tamén me interesan a innovación social e as metodoloxías de investigación. Son socio de Rexenerando e coordino a área de Xéneros e Identidade.
Marcos Abalde
Socio colaborador de Rexenerando. Formeime en Filoloxía Románica e Galega e nun posgrao en Servizos Culturais. Son poeta e dramaturgo e teño tamén experiencia en docencia, xestión e deseño de programas culturais. Na actualidade dedícome á docencia, mais continúo a colaborar con Rexenerando na asesoría de proxectos que teñen que ver coa activación de falantes para o galego e a recuperación de memorias subalternizadas, dous dos ámbitos cos que me sinto máis comprometido.