wordpress

Xénero e identidade

Xénero e identidade

Enraizadas

  • Ano
    2021
  • Clienta
    Euroeume

Enraizadas é unha iniciativa orientada a concienciar sobre cuestións de xénero, impulsada pola asociación Euroeume en colaboración coa produtora Illa Bufarda. Este proxecto contou co apoio financeiro da área de igualdade da Deputación da Coruña. O traballo céntrase en dar voz a mulleres de seis concellos das comarcas do Eume e Ortegal que desempeñan labores no sector primario, destacando o valor do seu esforzo e contribución á sociedade. Todo isto abórdase dende unha perspectiva ecofeminista e de soberanía alimentaria.

O proxecto materializouse en nove vídeos que recollen entrevistas con estas mulleres, mostrando o impacto do seu traballo no entorno rural. A súa presentación oficial tivo lugar no Auditorio das Pontes en novembro de 2021, nun evento que puxo en valor estas historias. Ademais, os vídeos están dispoñibles en liña para quen queira coñecer as súas vivencias.

Encargámonos de coordinar e producir o proxecto, así como de escribir os guións e organizar o evento de presentación

De fronte á violencia de xénero

  • Ano
    2020
  • Clienta
    Deputación da Coruña

Esta campaña, organizada pola Deputación da Coruña con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, ten como obxectivo principal sensibilizar á sociedade fronte a esta problemática. A iniciativa promove a adhesión de concellos da provincia e outras organizacións sociais e empresariais a un manifesto común, creando unha rede de institucións comprometidas coa igualdade de xénero.

A campaña inclúe unha serie de recursos e actividades en liña accesibles para todos os públicos, que buscan manter vivo o diálogo e a reflexión sobre as desigualdades e a violencia de xénero.

Toda a información e os materiais da campaña están dispoñibles en www.defronte.gal.

No noso caso, asumimos a coordinación do equipo e do proxecto, xestionamos as adhesións de concellos e entidades, e redactamos os textos para a súa difusión. Ademais, colaboramos con MAOS Innovación Social na estratexia de comunicación

Medrando en igualdade

  • Ano
    2019
  • Clienta
    ANPA CEIP Couceiro Freijomil (Pontedeume)
    ANPA CEIP Sanjurjo de Carricarte (A Coruña)

Medrando en igualdade é un proxecto de coeducación enmarcado no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Consta dun obradoiro para familias e profesorado, no que identificar os estereotipos de xénero na crianza, e transformar estas actitudes; e un obradoiro infantil, no que achegarnos aos estereotipos no xogo e nos contos. Pode incluír tamén unha sesión de traballo con axentes locais fóra da comunidade educativa, na que trasladar os principais contidos e artellar propostas de acción inclusivas para os diferentes ámbitos.

Desenvolvemos este proxecto coas ANPAS dos CEIP Couceiro Freijomil e Sanjurjo de Carricarte.

Levamos a cabo as tarefas de coordinación, deseño, e execución dos obradoiros.